1. O DESCENSO DO BELELLE É MOI DIFÍCIL ¿ESTOU PREPARAD@ PARA FACELO?
Esta
cuestión é moi persoal, a capacidade para facer a proba, que nós
calificamos como de
dificultade media e esforzo alto pola súa lonxitude e duración,
depende de multitude de variables que dependen tamén da condición física
da persoa o día da andaina. Se pensas que non estás en condicións, ou
puntualmente non te atopas en condicións ou tes dúbidas, o mellor é que
non te apuntes. Con todo, en xeral pódese equiparar por lonxitude e
duración cunha etapa do Camiño de Santiago.
2. ¿PODO INSCRIBIRME O DÍA DA PROBA?
Non, os prazos de inscrición que marca a organización non son caprichosos, pois hai que facer unha serie de traballos administrativos e loxísticos previos que levan o seu tempo aos nosos voluntarios, como a xestión dos seguros individuais (imprescindible consignar todos os datos correctamente na solicitude), a contratación do transporte e a compra de bebidas e alimentos para o número de participantes estimado.
Se aínda non te inscribiches, faino agora se estás en prazo
3. SON FEDERADO E NON ENTENDO POR QUE ME PEDIDES COPIA DA LICENZA
É imprescindible comprobar que a licenza federativa de montaña e o seguro asociado está en vigor, o único medio que temos para comprobalo é a través da tarxeta federativa.
4. A INSCRICIÓN PARÉCEME UN POUCO CARA
Por sorte ou por desgraza non somos unha administración pública que recada impostos cunha man e ofrece actividades "gratis" coa outra. Somos unha asociación formada por persoas que traballan colectivamente de forma altruista para desenvolver actividades das que participamos (por iso hai descontos para soci@s, que xa soportan co pago das súas cotas o desenvolvemento destas actividades) e que tamén compartimos co resto da sociedade. A participación no Descenso do Belelle conleva custos directos que fan fácil entender por que as cousas custan o que custan: desde o seguro para a actividade de cada participante, ata a contratación dos autobuses de transporte, pasando pola comida, bebida, froita, etc. que fan que na contabilidade final, a celebración deste tipo de actividades resulten deficitarias para o club a pesares das axudas parciais e as doazóns, con todo o custe das cotas de inscrición dos participantes, por alto que poida parecer, non abonda para cubrir os gastos xerados.
5. DESDE ONDE SE SAE?
A saída neutralizada é desde o aparcadoiro do Eroski de Neda (Av. Algeciras), onde deberás presentarte no horario establecido para recoller o dorsal co teu número (que podes comprobar previamente no listado da web ou cando te confirmen a inscrición no club). Desde Neda tomamos os autobuses até a saída en O Gallel (As Pontes).
6. VAI CHOVER? QUE ROUPA LEVO?
Como sempre, o tempo vai ser definitorio á hora de desfrutar do día, nestas últimas semanas de anticiclón a canle do río e o sendeiro fluvial está bastante seco, pero haberá que agardar á evolución dos últimos días para ter unha idea. Lembrade que son zonas de río, e sempre pasaremos por zonas máis ou menos húmidas.
7. TEÑO QUE LEVAR COMIDA E BEBIDA?
A vantaxe de participar nesta andaina organizada é que podes prescindir en parte de cargar con líquidos e sólidos porque cada 7,5 km aproximadamente terás un posto de avituallamento da organización: o primeiro na ponte de
Porcar, o segundo no merendeiro do
Río Cuberto (ou en Formariz en caso de choiva), e o terceiro no
Muíño da Barcia, pasada a Fervenza. Nestes postos atoparás bebidas (auga, bebidas isotónicas) e froita; e no posto do Río Cuberto ao mediodía hai bocatas.
8 QUE PASA SE ME PERDO OU NON ESTOU EN CONDICIÓNS DE SEGUIR?
O percorrido é lineal, seguindo o curso do río na meirande parte do itinerario. Só tes que seguir as marcas azuis e brancas, se estás desorientado podes desandar os teus pasos até a última marca coñecida para tentar volver ao camiño; tamén podes agardar se vén alguén (ao final do percorrido vai un
grupo de peche da organización para que non quede ninguén descolgado) e nas zonas de tránsito rodado tamén atoparás aos membros de Protección Civil; tamén tes o teléfono de incidencias escrito na tarxeta do dorsal, ao que podes chamar para solicitar axuda en caso de necesidade.
9. ONDE REMATA A RUTA?
A ruta remata no Centro Cívico Ramón Millarengo, na rúa Xeneral Morgado de Neda, onde recibirás o diploma do club que acredita que tes completado o
XIV Descenso do Belelle, ademais nalgúns outros anos o Concello agasallou aos participantes da ruta cun pincho con produtos de panadaría típicos de Neda (bolla, empanadas).
10. GUSTOUME A EXPERIENCIA, QUERO UN RECORDO! PODO REPETIR?
Seguramente os días que seguen ao 6 de abril poderás ver nas redes sociais do club e neste mesmo blog as galerías de fotografías do Descenso, onde poderás buscarte a ti e aos teus amig@s se vides en grupo. Tamén podes deixar os teus comentarios, estaremos encantad@s de lelos. O vindeiro ano, coa XV edición, pecharemos o ciclo dos Descensos a pé do río Belelle tras 15 anos promovendo este roteiro que grazas tamén á marcaxe efectuada polo club poderás facer por libre, enteiro ou por tramos, durante o resto do ano.
VÉMONOS NO DESCENSO DO BELELLE!