sábado, 13 de abril de 2019

BELELLE POLO RETROVISOR

https://belelleape.blogspot.com/p/fotos-2019.html

Pois xa pasou unha semana enteira desde o XIV Descenso a pé do Río Belelle, o que quere dicir tamén que quedan só 51 semanas para a decimoquinta edición.

Aproveitamos a ocasión para completar o álbum de fotos, se o outro día publicamos as fotos do noso compañeiro Alfonso desde o corazón da ruta, hoxe completamos o libro de recordos coas imaxes do noso presi Xan Ramírez e do compañeiro Xoán Porto, aos que fúchedes atopando a contramarcha polos distintos tramos do sendeiro.

Desfrutade do sábado, agardamos que as imaxes perduren no voso recordo, Saúdos desde o Belelle!

VER O ÁLBUM DO BELELLE A PÉ 2019

mércores, 10 de abril de 2019

MÁIS FOTOS DO DESCENSO DO BELELLE

Xa estamos a publicar as galerías de fotos do XIV Descenso do Belelle, nesta ligazón tedes as fotos do noso compañeiro Alfonso Manso, que ía no grupo de peche do primeiro tramo entre O Gallel e o avituallamento de Porcar, e logo xa integrado na marcha até Neda.

Pero tamén traemos as vosas colaboracións, das que estamos superencantad@s de recibir e difundir. Aquí tedes o descenso do Belelle na mirada de Ángeles Gabeiras, que participou na andaina e tivo a amabilidade de compartir o seu álbum en Flickr para que o desfrutemos tod@s. GRAZAS!


AXIÑA MÁIS FOTOS.... E SEGUIMOS A AGARDAR POLOS VOSOS COMENTARIOS E VALORACIÓNS SOBRE A RUTA!

https://flic.kr/s/aHsmbndrDD

domingo, 7 de abril de 2019

O QUE QUEDOU DO DÍA...



Pois pasou o día, pasou a romaría como di o dito popular. Onte cumprimos a nosa cita anual co río Belelle, e van xa 14 anos actualizando este fermoso roteiro fluvial. O tempo portouse como mandaban as predicións, chuvascos a primeira hora e sobre todo a partires das 14 horas, e polo medio... sol e nubes e a desfrutar, a pesar da molleira, desta contorna espectacular e dunha primavera, agora si, tipicamente galega


Axiña habemos colocar todas as fotografías neste blog, estade atent@s ás novidades para buscarvos nas fotos,,,

SE PARTICIPACHES NO DESCENSO DO BELELLE, POR FAVOR COMENTA AS TÚAS IMPRESIÓNS NUN COMENTARIO ABAIXO DESTE ÁLBUM. FAINOS MOITA ILUSIÓN ESCOITARVOS!!! GRAZAS E ATÉ O ANO QUE VÉN!









xoves, 4 de abril de 2019

A PREDICIÓN DO TEMPO

Vaise achegándo o día do Descenso do Belelle, deixámosvos algúns links e widgets onde podedes consultar a predición meteorolóxica. Anque os servizos públicos como Meteogalicia e AEMET teñen widgets para inscrustar o tempo na web, lamentablemente non dispoñen de versión https o que fai imposible inserilos na web, así que aquí tendes os vínculos:
eltiempo.es
Windy

mércores, 3 de abril de 2019

PECHE DE INSCRICIÓN, HOXE PARA FEDERAD@S DE MONTAÑA


A falta do último conteo xa superamos as 100 inscricións para o XIV Descenso do Belelle... parabéns a tod@s. Hoxe mércores aínda está aberta a inscrición só para as persoas que teñan a tarxeta federativa de Montaña en vigor. Vémonos o sábado 6 de abril en Neda!

luns, 1 de abril de 2019

10 IMPRESCINDIBLES SOBRE O DESCENSO DO BELELLE

1. O DESCENSO DO BELELLE É MOI DIFÍCIL ¿ESTOU PREPARAD@ PARA FACELO?
Esta cuestión é moi persoal, a capacidade para facer a proba, que nós calificamos como de dificultade media e esforzo alto pola súa lonxitude e duración, depende de multitude de variables que dependen tamén da condición física da persoa o día da andaina. Se pensas que non estás en condicións, ou puntualmente non te atopas en condicións ou tes dúbidas, o mellor é que non te apuntes. Con todo, en xeral pódese equiparar por lonxitude e duración cunha etapa do Camiño de Santiago.

2. ¿PODO INSCRIBIRME O DÍA DA PROBA?
Non, os prazos de inscrición que marca a organización non son caprichosos, pois hai que facer unha serie de traballos administrativos e loxísticos previos que levan o seu tempo aos nosos voluntarios, como a xestión dos seguros individuais (imprescindible consignar todos os datos correctamente na solicitude), a contratación do transporte e a compra de bebidas e alimentos para o número de participantes estimado. Se aínda non te inscribiches, faino agora se estás en prazo


3. SON FEDERADO E NON ENTENDO POR QUE ME PEDIDES COPIA DA LICENZA
É imprescindible comprobar que a licenza federativa de montaña e o seguro asociado está en vigor, o único medio que temos para comprobalo é a través da tarxeta federativa.

4. A INSCRICIÓN PARÉCEME UN POUCO CARA
Por sorte ou por desgraza non somos unha administración pública que recada impostos cunha man e ofrece actividades "gratis" coa outra. Somos unha asociación formada por persoas que traballan colectivamente de forma altruista para desenvolver actividades das que participamos (por iso hai descontos para soci@s, que xa soportan co pago das súas cotas o desenvolvemento destas actividades) e que tamén compartimos co resto da sociedade. A participación no Descenso do Belelle conleva custos directos que fan fácil entender por que as cousas custan o que custan: desde o seguro para a actividade de cada participante, ata a contratación dos autobuses de transporte, pasando pola comida, bebida, froita, etc. que fan que na contabilidade final, a celebración deste tipo de actividades resulten deficitarias para o club a pesares das axudas parciais e as doazóns, con todo o custe das cotas de inscrición dos participantes, por alto que poida parecer, non abonda para cubrir os gastos xerados.


5. DESDE ONDE SE SAE?
A saída neutralizada é desde o aparcadoiro do Eroski de Neda (Av. Algeciras), onde deberás presentarte no horario establecido para recoller o dorsal co teu número (que podes comprobar previamente no listado da web ou cando te confirmen a inscrición no club). Desde Neda tomamos os autobuses até a saída en O Gallel (As Pontes).


6. VAI CHOVER? QUE ROUPA LEVO?
Como sempre, o tempo vai ser definitorio á hora de desfrutar do día, nestas últimas semanas de anticiclón a canle do río e o sendeiro fluvial está bastante seco, pero haberá que agardar á evolución dos últimos días para ter unha idea. Lembrade que son zonas de río, e sempre pasaremos por zonas máis ou menos húmidas.

7. TEÑO QUE LEVAR COMIDA E BEBIDA?
A vantaxe de participar nesta andaina organizada é que podes prescindir en parte de cargar con líquidos e sólidos porque cada 7,5 km aproximadamente terás un posto de avituallamento da organización: o primeiro na ponte de Porcar, o segundo no merendeiro do Río Cuberto (ou en Formariz en caso de choiva), e o terceiro no Muíño da Barcia, pasada a Fervenza. Nestes postos atoparás bebidas (auga, bebidas isotónicas) e froita; e no posto do Río Cuberto ao mediodía hai bocatas.

8 QUE PASA SE ME PERDO OU NON ESTOU EN CONDICIÓNS DE SEGUIR?
O percorrido é lineal, seguindo o curso do río na meirande parte do itinerario. Só tes que seguir as marcas azuis e brancas, se estás desorientado podes desandar os teus pasos até a última marca coñecida para tentar volver ao camiño; tamén podes agardar se vén alguén (ao final do percorrido vai un grupo de peche da organización para que non quede ninguén descolgado) e nas zonas de tránsito rodado tamén atoparás aos membros de Protección Civil; tamén tes o teléfono de incidencias escrito na tarxeta do dorsal, ao que podes chamar para solicitar axuda en caso de necesidade.

9. ONDE REMATA A RUTA?
A ruta remata no Centro Cívico Ramón Millarengo, na rúa Xeneral Morgado de Neda, onde recibirás o diploma do club que acredita que tes completado o XIV Descenso do Belelle, ademais nalgúns outros anos o Concello agasallou aos participantes da ruta cun pincho con produtos de panadaría típicos de Neda (bolla, empanadas).

10. GUSTOUME A EXPERIENCIA, QUERO UN RECORDO! PODO REPETIR?
Seguramente os días que seguen ao 6 de abril poderás ver nas redes sociais do club e neste mesmo blog as galerías de fotografías do Descenso, onde poderás buscarte a ti e aos teus amig@s se vides en grupo. Tamén podes deixar os teus comentarios, estaremos encantad@s de lelos. O vindeiro ano, coa XV edición, pecharemos o ciclo dos Descensos a pé do río Belelle tras 15 anos promovendo este roteiro que grazas tamén á marcaxe efectuada polo club poderás facer por libre, enteiro ou por tramos, durante o resto do ano.

SE AÍNDA NON O FIXECHES, PINCHA AQUÍ E INSCRÍBETE XA!

VÉMONOS NO DESCENSO DO BELELLE!

 
 
 
 
 
 

 

 

sábado, 30 de marzo de 2019

PARA VISTAS, TAMÉN O BELELLE

Sabedes que a pouco de tomar a saída do Descenso do Belelle está o Pico Fontardión, un dos cumios máis altos da provincia da Coruña con 665 metros sobre o nivel do mar, na Serra do Forgoselo. As augas dos regos que nacen nestes monte van caer dunha banda na bacía do Eume, e da outra na bacía do Belelle... Se o día acompaña as vistas desde o vértice xeodésico son impresionantes nos 360º como podedes observar nestas visualizacións panorámicas:

...e é que por estas mesmas terras do Fontardión xa pasara Domingo Fontán para elaborar a súa famosa Carta geométrica de Galicia no século XIX... gozade das vistas, e se queredes facelo en vivo, vémonos o 6 de abril!

xoves, 28 de marzo de 2019

BELELLE: SENDEIRISMO E OUTROS DEPORTES

Cunha lonxitude de algo máis de 30 kilómetros, seguramente a canle do río Belelle ofrece máis do que se pode agardar nun río do seu tamaño.

Alén da explotación tradicional das súas augas, para regadío ou consumo; e a súa forza, para mover muíños, machucos, e máis modernamente as turbinas das minicentrais eléctricas, agora nestes tempos contemporáneos da sociedade do ocio e o lecer, hai outras actividades que poden desenvolverse nas súas augas, como o descenso en kaiak ou o barranquismo, como podedes ver nestes interesantes vídeos que tiramos do youtube:






Claro que sempre podes desfrutar de emocións igual de intensas, pero dosificadas ao longo dun percorrido da mesma lonxitude do río, aquí tes a nosa proposta nun vídeo do noso compañeiro Óscar Fernández Otero, que mollouse literalmente para gravar o Descenso do Belelle 2014... dentro vídeo!


mércores, 27 de marzo de 2019

SAÍDA INTERPRETATIVA POLO BELELLE

Sabedes que, ademais de organizar as rutas de medio e longo percorrido no noso calendario anual de actividades no Descenso do Belelle (30K), Costa Ártabra (50K) e Terras de Cedeira (40K), tamén soemos facer outro tipo de actividades máis repousadas nestes mesmos espazos, para destacar os valores naturais, culturais e socioeconómicos desta terra na que vivimos.



Así, este domingo 31 de marzo, tedes ocasión de asistir a  outra edición das nosas saídas interpretativas (o que viñamos chamando as Aulas Verdes) pola contorna do río Belelle. É unha actividade indicada para todas as idades, polo que podedes vir c@s cativ@s para descubrir e aprender unha morea de cousas novas... máis detalles e inscrición na web do club


 (Fotos: Alfonso Manso)

luns, 25 de marzo de 2019

A SAÍDA NO GALLEL

A saída do Descenso do Belelle é no lugar do Gallel, na parroquia de San Pedro de Eume en As Pontes, lugar ata o que chegaremos desde Neda nos autobuses de Autos Paco... É un lugar moi fermoso, só queremos advertirvos que non vos asustedes se vedes algún gran vertebrado 🐲 que non se parece nin a unha vaca nin a un cabalo, que son os que máis abundan pola zona 😀
 


sábado, 23 de marzo de 2019

ACTIVANDO A CONTA ATRÁS PARA O DESCENSO DO BELELLE

Chegou o sábado e activamos a conta atrás a dúas semanas para a celebración do Descenso do Belelle...

 
...seguimos gozando deste tempo anticiclónico que facilita as tarefas do equipo que está a revisar o sendeiro...

 
A primavera entra despois deste inverno seco, pero xa sabedes que até que se vaia achegando o día non teremos unha idea de que día vamos atopar... será un abril de augas mil?

 Camiño da Fervenza, aproveitando para facer unha parada e desfrutar da tranquilidade do lugar...
 ...xa vedes que o salto que comparten Neda e Fene leva a auga xusta para seguir sendo todo un espectáculo natural, entre os raiolos do sol...
 ...aínda dá para mollar os pés no río... pero só os pés!
...na central eléctrica da Fervenza están a amañar os balaustrés da ponte pequena, poderemos estrealos para o día da marcha?...
 ...no lugar do Roxal, remanso de paz...
...camiño de Maciñeira, máis do mesmo... e non hai queixa! :-)
...mañá seguimos con máis detalles e curiosidades mentres preparamos o descenso para que teñades a mellor experiencia posible neste espazo natural tan acolledor... e ti que podes facer? pois polo pronto, se pensas vir, podes inscribirte xa para non deixar aos nosos compañeiros da Secretaría atarefados cos papeleos e os seguros até o último día; e se queres vir con outr@s, tamén podes axudarnos compartindo a ligazón do noso blog e o cartel do Descenso do Belelle nas túas redes sociais!


DE MUÍÑO A MUÍÑO

Hoxe os nosos compañeiros Fonso e Xandre proseguiron no percorrido da sinalización do roteiro para que o vindeiro 6 de abril teñades a mellor experiencia camiñando polas beiras do río Belelle...

 
...ademáis de repasar as marcas esvaídas polo paso do tempo e a climatoloxía, tamén estudan as condicións da senda fluvial e dos pasos sobre o río...

 ...e tamén o estado dos lugares de interese etnográfica que atoparedes polo camiño, como os muíños que dan conta da intensa actividade que o río supuña até non hai tanto con todo tipo de aproveitamentos... aquí tendes o Muíño do Barreiro, onde ademáis da nosa marcha, conflúen varios roteiros sinalizados... lembrade que o noso é sempre o das marcas brancas e azuis...
 ...outra das teimas que temos é o respecto pola contorna, non deixa de ser lamentable atopar restos de lixo, a senrazón das persoas que van a gozar dun espazo natural para a continuación degradalo con estes actos de incivismo...
 ...hoxe chegamos até o merendeiro do Río Cuberto... e xa queda un día menos para o XIV Descenso a Pé do Río Belelle... e ti? xa sabes con quen vas vir?