domingo, 1 de maio de 2022

A ULTIMA XA FOI!

 

Para variar tivemos un día realmente espectacular, soleado e case de verán! Grazas a todas as persoas que vos animáchedes a participar, nesta e nas catorce edicións precedentes do Belelle a pé, a nosa "Corrente de ideas".

Nos vindeiros días iremos publicando máis fotiños e detalles deste marabilloso día, agardando que o pasarades igual de ben gozando do camiño á beira do río.

Agardamos tamén os vosos comentarios, son moi benvidos, podedes facelo acó no blog, no mail do club ou nas nosas redes sociais. Agradecidos sempre! Vémonos no Belelle!

AHORA BEN..estaría ben saber  quen marca rutas e deixa todo cheo de merda, falsos amigos da natureza:





xoves, 21 de abril de 2022

Coidando o camiño

 


Despois de tres anos de ausencia obrigada pola pandemia, desde a edición de 2019, había que empregarse a fondo coa marcado azul e branco e coa inspección do sendeiro do Belelle. Da parte alta do río, desde a saída en Fontardión até a metade do percorrido en Formariz, encargáronse os nosos compañeiros Andrés e Fonso, que se aseguraron de que o camiño estea nas mellores condicións para andalo o día 30 e o que dure!




 





mércores, 20 de abril de 2022

Queres ir á última?

Queres ir á última? Xa non é só unha cuestión de estilo 😅 se queres ir á última do Descenso do Belelle podes inscribirte, e se queres ir á última en moda primavera-verán, nada como a camiseta conmemorativa para pechar o ciclo dos 15+2 anos do Belelle... molona a que si?



luns, 18 de abril de 2022

A Fervenza do Belelle a vista de paxaro

 

Quedan apenas 12 días para a andaina! Dos moitos engados naturais e paisaxísticos do sendeiro do río Belelle, o salto da Fervenza, que atoparemos cando xa levamos arredor de 20 km nas pernas, é sen dúbida o máis emblemático. Con arredor de 45 metros de altura, non se trata dun único salto, senón de ata tres, aínda que os dous máis cativos apenas vense desde o pé da Fervenza. Mais desde os miradoiros de Marraxón e Viladonelle temos boas vistas... ou coma neste caso co vídeo que trae o noso compañeiro Alfonso Manso e o seu pequeno "mosquito" electrónico, que gravou estas refrescantes imaxes a vista de paxaro.

Se queredes saber máis sobre as posibilidades desta zona para deportes como o barranquismo ou o kaiak non perdades detalle destes vídeos:



martes, 29 de marzo de 2022

DESTA VAI! COMEZAMOS AS INSCRICIÓNS PARA A EDICIÓN 2022

SERÁ O SÁBADO 30 DE ABRIL

Levamos dous anos adiando (pola pandemia) a que queriamos que fora a derradeira edición do Descenso a pé do río Belelle neste formato.

Será a decimoquinta edición desde o ano 2006. A partir deste ano seguiremos a camiñar as beiras do noso Belelle, pero será como unha actividade máis no noso calendario anual de actividades

A estas alturas xa estamos a revisar o camiño desde O Gallel en As Pontes até San Nicolás de Neda. Como vos podedes figurar, desde 2019 van xa máis de dous anos sen limpar nen sinalizar... está case como na primeira edición...

Esta derradeira edición do Descenso do Belelle será tamén a máis tardía, adoitabamos facela o segundo sábado de abril, sempre dependendo dos días festivos pola Semana Santa... este ano o 23 quedaba moi perto, así que finalmente quedamos o sábado 30 de abril. Vemonos no Belelle... e aquí tes o formulario de inscrición...