sábado, 30 de marzo de 2019

PARA VISTAS, TAMÉN O BELELLE

Sabedes que a pouco de tomar a saída do Descenso do Belelle está o Pico Fontardión, un dos cumios máis altos da provincia da Coruña con 665 metros sobre o nivel do mar, na Serra do Forgoselo. As augas dos regos que nacen nestes monte van caer dunha banda na bacía do Eume, e da outra na bacía do Belelle... Se o día acompaña as vistas desde o vértice xeodésico son impresionantes nos 360º como podedes observar nestas visualizacións panorámicas:

...e é que por estas mesmas terras do Fontardión xa pasara Domingo Fontán para elaborar a súa famosa Carta geométrica de Galicia no século XIX... gozade das vistas, e se queredes facelo en vivo, vémonos o 6 de abril!

xoves, 28 de marzo de 2019

BELELLE: SENDEIRISMO E OUTROS DEPORTES

Cunha lonxitude de algo máis de 30 kilómetros, seguramente a canle do río Belelle ofrece máis do que se pode agardar nun río do seu tamaño.

Alén da explotación tradicional das súas augas, para regadío ou consumo; e a súa forza, para mover muíños, machucos, e máis modernamente as turbinas das minicentrais eléctricas, agora nestes tempos contemporáneos da sociedade do ocio e o lecer, hai outras actividades que poden desenvolverse nas súas augas, como o descenso en kaiak ou o barranquismo, como podedes ver nestes interesantes vídeos que tiramos do youtube:






Claro que sempre podes desfrutar de emocións igual de intensas, pero dosificadas ao longo dun percorrido da mesma lonxitude do río, aquí tes a nosa proposta nun vídeo do noso compañeiro Óscar Fernández Otero, que mollouse literalmente para gravar o Descenso do Belelle 2014... dentro vídeo!


mércores, 27 de marzo de 2019

SAÍDA INTERPRETATIVA POLO BELELLE

Sabedes que, ademais de organizar as rutas de medio e longo percorrido no noso calendario anual de actividades no Descenso do Belelle (30K), Costa Ártabra (50K) e Terras de Cedeira (40K), tamén soemos facer outro tipo de actividades máis repousadas nestes mesmos espazos, para destacar os valores naturais, culturais e socioeconómicos desta terra na que vivimos.



Así, este domingo 31 de marzo, tedes ocasión de asistir a  outra edición das nosas saídas interpretativas (o que viñamos chamando as Aulas Verdes) pola contorna do río Belelle. É unha actividade indicada para todas as idades, polo que podedes vir c@s cativ@s para descubrir e aprender unha morea de cousas novas... máis detalles e inscrición na web do club


 (Fotos: Alfonso Manso)

luns, 25 de marzo de 2019

A SAÍDA NO GALLEL

A saída do Descenso do Belelle é no lugar do Gallel, na parroquia de San Pedro de Eume en As Pontes, lugar ata o que chegaremos desde Neda nos autobuses de Autos Paco... É un lugar moi fermoso, só queremos advertirvos que non vos asustedes se vedes algún gran vertebrado 🐲 que non se parece nin a unha vaca nin a un cabalo, que son os que máis abundan pola zona 😀
 


sábado, 23 de marzo de 2019

ACTIVANDO A CONTA ATRÁS PARA O DESCENSO DO BELELLE

Chegou o sábado e activamos a conta atrás a dúas semanas para a celebración do Descenso do Belelle...

 
...seguimos gozando deste tempo anticiclónico que facilita as tarefas do equipo que está a revisar o sendeiro...

 
A primavera entra despois deste inverno seco, pero xa sabedes que até que se vaia achegando o día non teremos unha idea de que día vamos atopar... será un abril de augas mil?

 Camiño da Fervenza, aproveitando para facer unha parada e desfrutar da tranquilidade do lugar...
 ...xa vedes que o salto que comparten Neda e Fene leva a auga xusta para seguir sendo todo un espectáculo natural, entre os raiolos do sol...
 ...aínda dá para mollar os pés no río... pero só os pés!
...na central eléctrica da Fervenza están a amañar os balaustrés da ponte pequena, poderemos estrealos para o día da marcha?...
 ...no lugar do Roxal, remanso de paz...
...camiño de Maciñeira, máis do mesmo... e non hai queixa! :-)
...mañá seguimos con máis detalles e curiosidades mentres preparamos o descenso para que teñades a mellor experiencia posible neste espazo natural tan acolledor... e ti que podes facer? pois polo pronto, se pensas vir, podes inscribirte xa para non deixar aos nosos compañeiros da Secretaría atarefados cos papeleos e os seguros até o último día; e se queres vir con outr@s, tamén podes axudarnos compartindo a ligazón do noso blog e o cartel do Descenso do Belelle nas túas redes sociais!


DE MUÍÑO A MUÍÑO

Hoxe os nosos compañeiros Fonso e Xandre proseguiron no percorrido da sinalización do roteiro para que o vindeiro 6 de abril teñades a mellor experiencia camiñando polas beiras do río Belelle...

 
...ademáis de repasar as marcas esvaídas polo paso do tempo e a climatoloxía, tamén estudan as condicións da senda fluvial e dos pasos sobre o río...

 ...e tamén o estado dos lugares de interese etnográfica que atoparedes polo camiño, como os muíños que dan conta da intensa actividade que o río supuña até non hai tanto con todo tipo de aproveitamentos... aquí tendes o Muíño do Barreiro, onde ademáis da nosa marcha, conflúen varios roteiros sinalizados... lembrade que o noso é sempre o das marcas brancas e azuis...
 ...outra das teimas que temos é o respecto pola contorna, non deixa de ser lamentable atopar restos de lixo, a senrazón das persoas que van a gozar dun espazo natural para a continuación degradalo con estes actos de incivismo...
 ...hoxe chegamos até o merendeiro do Río Cuberto... e xa queda un día menos para o XIV Descenso a Pé do Río Belelle... e ti? xa sabes con quen vas vir?



xoves, 21 de marzo de 2019

XA ESTAMOS MANS Á OBRA!!!

os compañeir@s xa están a traballar, coa pintura o esprai e a caixa de ferramentas, na revisión da sinalización do percorrido do Descenso a Pé do Río Belelle.

Sabedes que a andaina é lineal, a meirande parte dela pegada á canle fluvial e co río á vista, e cando non está á vista é doado escoitar o son da auga baixando... ademais sempre tedes a guía das frechas azul e branca; o doble punto das mesmas cores; ou os carteis azuis co emblema da ruta...

As persoas que están a facer o traballo de campo na revisión das marcas enviaron estas fotos para que vos vaiades poñendo en sintonía coa marcha, xa desde a saída no Gallel (As Pontes) ascendemos até o punto máis alto do roteiro, e un dos máis altos da zona -con permiso do Caxado- así apenas iniciada a marcha e se o día acompaña podemos desfrutar de fermosas vistas nos 360º desde o vértice xeodésico e as antenas do Fontardión (665 m).
 ...Comezamos a descender, aínda dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, pola Serra do Forgoselo, e abandoamos o concello de As Pontes de García Rodríguez para adentrarnos no concello de A Capela entre maxestosos bolos graníticos...
 Camiño da Ponte de Porcar envíannos esta foto que dá idea da auga que leva o río nesta altura do ano... veremos a ver que tempo dán daquí en 15 días...
 ...e por hoxe de momento é todo, con este bonito solpor desde algún lugar de A Capela despedímonos por hoxe! Non deixes a inscrición para o derradeiro día, vémonos o 6 de abril no XIV Descenso a Pé do Río Belelle!

martes, 12 de marzo de 2019

IMOS A POLO PENÚLTIMO DESCENSO A PÉ DO RÍO BELELLE

Un ano máis, e con este xa van catorce, convidámosvos a participar no Descenso a Pé do Río Belelle, un roteiro lineal seguindo o curso do río Belelle desde os seus nascentes na Serra do Forgoselo, até a súa desembocadura no mar na ría de Ferrol.
Son catro os concellos que andaremos: As Pontes, A Capela, Fene e Neda. Desde logo non é a andaina máis dura -tampouco a máis doada-, pero a beleza das paisaxes que atravesaremos, a meirande parte das veces dándolle ás costas ao avance da "civilización" pagan moito a pena,  con recunchos pouco coñecidos e inesquecibles...
Tes até o 1 de abril para inscribirte. É moi importante que cumprades todos os requisitos de datos e documentación para tomar parte da andaina, por mor da xestión de seguros, avituallamentos, etc.
Tede en conta que esta será a penúltima ocasión para desfrutar deste roteiro que abrimos en 2006. Está decidido pechar esta etapa como fixemos tamén cos míticos 50km Ferrol-Teixido a pé, trala celebración de XV edicións.
Así que xa estades avisad@s! ...correde a voz e a inscribirse!

>>> CONDICIÓNS E INSCRICIÓN 2019 <<<